Presentación

O Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes é un dos sete centros que imparten ensinanzas profesionais de música pertencentes á Rede de Conservatorios de Música e Danza da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Creado en 1978 como conservatorio elemental de música, en 1995 acada a súa condición de centro educativo de titularidade pública.

Logo de ocupar diferententes espazos na cidade, dende 2002 sitúase nun edificio de tres andares na zona sur da cidade ao carón do Conservatorio de Danza e mais a Escola Oficial de Idiomas, e moi preto da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Na actualidade o conservatorio ofrece dezanove especialidades instrumentais dentro do currículo propio das ensinanzas elementais e profesionais de música ademais da actividade complementaria e extraescolar propia dun centro da nosa natureza.

Cun persoal docente e de administración e servizos que supera as sesenta persoas, a nosa institución traballa cada día en prol da mellor formación para o noso alumnado tentando que este aprenda e goce da música nunha medida semellante.