PROBA DE ACCESO A 1º DE GRAO PROFESIONAL
Segundo establece a normativa de aplicación, para acceder ao primeiro curso das ensinanzas profesionais de música cumprirá superar unha proba específica de acceso. Mediante esta proba valorarase a madureza, as aptitudes e os coñecementos para cursar con aproveitamento as ensinanzas profesionais, de acordo cos obxectivos establecidos no decreto de currículo.
Para todas as especialidades, agás para a de canto, a predita proba constará de dúas partes: interpretación, no instrumento da especialidade a que opte, de tres obras pertencentes a distintos estilos, das cales, como mínimo, unha deberá interpretarse de memoria, e outra parte que avalíe a capacidade auditiva da persoa aspirante ademais dous seus coñecementos teóricos e prácticos da linguaxe musical.
No caso da especialidade de canto, a primeira parte da proba consistirá na interpretación de tres obras de diferentes estilos, libremente elixidas pola persoa aspirante, das cales unha será de repertorio lírico.
Cada unha das partes cualificarase de cero a dez puntos, sendo precisa unha cualificación mínima de cinco para superar cada un delas. Ambas as dúas partes deben resultar superadas.
A cualificación definitiva da proba será a media ponderada da cualificación obtida nas dúas partes ponderándose a primeira delas nun 70 por cento, e a segunda nun 30 por cento.
A inscrición deberá formalizarse en liña a través da ligazón que se atopa máis abaixo. O custo da taxa de inscrición, á marxe de exencións ou bonificacións e que poden consultarse na plataforma mesma de inscrición, é de 34 euros. O pago deberá formalizarse tamén en liña na Oficina Virtual da Axencia Tributaria a través da ligazón de abaixo.
As seguintes son as datas do calendario específico da proba, inscrición, publicación da oferta de prazas, probas, etc.
- 27 de abril, publicación da oferta de prazas vacantes para o curso 2026-2027.
- 4 ao 15 de maio, prazo de inscrición para as probas de acceso a 1º curso de grao profesional e, de ser o caso, solicitude do servizo de piano acompañante.
- 25 de maio, publicación da lista de aspirantes admitidos para a realización das probas de acceso a 1º curso de grao profesional.
- 25 de maio, publicación dos tribunais, datas, horarios e aulas das probas de acceso a 1º curso do grao profesional.
- 8 ao 12 de xuño, probas de acceso a 1º curso de grao profesional.
- 15 de xuño, publicación dos resultados correspondentes ás probas de acceso a 1º curso de grao profesional (aspirantes que obteñen praza e aspirantes en lista de agarda).
- 16 ao 19 de xuño, prazo de matrícula para aspirantes que obtiveron praza nas probas de acceso a 1º curso do grao profesional.
- 23 de xuño, publicación da listaxe coas prazas adxudicadas ás persoas aspirantes en lista de agarda correspondentes ás probas de acceso a 1º curso de grao profesional.
- 23 de xuño, publicación da lista de agarda das persoas aspirantes ao acceso a 1º curso do grao profesional.
- 23 ao 26 de xuño, prazo de matrícula para aspirantes en lista de agarda que superaron a proba de acceso a 1º curso de grao profesional.
Nos seguintes seis botóns atópanse as ligazóns correspondentes á oferta prazas vacantes, aos contidos, desenvolvemento da proba e criterios de avaliación dos exercicios das diferentes especialidades e mais os materiais de exemplo en canto ao exercicio de avaliación da capacidade auditiva e de linguaxe musical, á plataforma de inscrición, á de pago da taxa, á guía sobre o pago telemático da taxa, e á páxina coa información sobre o servizo de pianista acompañante que achega o centro. Os diferentes botóns activaranse de maneira progresiva segundo o calendario achegado máis arriba.




