ACCESO AO 1º CURSO DO GRAO ELEMENTAL
Para acceder ao primeiro curso das ensinanzas elementais é preciso superar unha proba na que se avaliará a aptitude rítmica, auditiva, vocal e psicomotriz de cada aspirante. Aínda que ningún exercicio dos que compoñen a proba terá un carácter eliminatorio, será preciso obter, cando menos unha cualificación de cinco para superar a proba.
En todo caso, resulta indispensable a escolla dunha especialidade instrumental entre as dezaoito que ofrece o conservatorio para as ensinanzas elementais. Ao mesmo tempo, a adxudicación das prazas vacantes levarase a cabo a partir da predita escolla no momento de formalizar a inscrición á proba e mais da cualificación obtida nesta.
A proba de acceso ao curso 2026-2027 correspondente ao primeiro curso do grao elemental está prevista entre os días 15 e 17 de xuño. O prazo de inscrición estenderase entre o 27 de abril e o 29 de maio ambos os dous incluídos. A inscrición, de balde, deberá formalizarse en liña a través da ligazón que se atopa más abaixo. Lembramos que a idade mínima e oito anos e a máxima catorce cumpridos ou por cumprir neste ano 2026.
As seguintes son as datas do calendario específico da proba, inscrición, publicación da oferta de prazas, probas, etc.
- 27 de abril, publicación da oferta de prazas vacantes para o curso 2026-2027.
- 27 de abril ao 29 de maio, prazo de inscrición para a proba de acceso a 1º curso de grao elemental.
- 29 de maio, publicación do tribunal correspondente á proba de acceso a 1º curso de grao elemental.
- 1 de xuño, publicación da lista de aspirantes admitidos para a realización da proba de acceso a 1º curso de grao elemental e a relación provisional de especialidades.
- 2 de xuño, reunión informativa coas familias dos nenos e nenas aspirantes ao acceso a 1º curso de grao elemental.
- 3 e 4 de xuño, prazo para solicitar o cambio de especialidade na inscrición á proba de acceso a 1º curso de grao elemental.
- 8 de xuño, publicación da lista de aspirantes para a realización da proba de acceso a 1º curso de grao elemental e a relación definitiva de especialidades.
- 10 de xuño, publicación das datas, horarios e aulas correspondentes á proba de acceso a 1º curso de grao elemental.
- 15, 16 e 17 de xuño, proba de acceso a 1º curso de grao elemental.
- 19 de xuño, publicación dos resultados da proba de acceso 1º curso de grao elemental.
- 22 de xuño, charla de orientación para a elección de especialidades instrumentais dos nenos e nenas que superaron a proba de acceso a 1º curso de grao elemental sen obter praza.
- 22 de xuño, reunión de adxudicación de especialidades vacantes logo da proba de acceso a 1º curso de grao elemental para as nenas e nenos aspirantes que non obtiveron praza na especialidade escollida no momento de formalizar a inscrición á proba.
- 23 de xuño, publicación da listaxe coas prazas adxudicadas logo da reunión de adxudicación de vacantes do 22 de xuño correspondente ao acceso a 1º curso de grao elemental.
- 23 de xuño, publicación da lista de agarda das persoas aspirantes ao acceso a 1º curso do grao elemental.
- 25 de xuño ao 3 de xullo, prazo de matrícula para aspirantes que superaron a proba de acceso a 1º curso de grao elemental obtendo unha praza nunha especialidade instrumental.
Baixo o boton de inscrición é posible ver un vídeo cun exemplo do desenvolvemento dos diferentes exercicios que compoñen a proba. O botón estará activo dende o 27 de abril.




