«Let It Beat» De Liverpool a Lugo
O vindeiro martes 14 de maio ás 19:30 horas está programado un evento musical no auditorio do conservatorio titulado “Let It Beat: De Liverpool a Lugo”, un concerto dedicado de maneira exclusiva á música da célebre banda The Beatles.
Este evento é o resultado dun esforzo de colaboración entre alumnado e profesorado do conservatorio que, ao longo do curso, traballaron xuntos arreo nun proxecto interdisciplinar. Este proxecto tivo como obxectivo principal involucrar a un amplo número de participantes e valorar ademais a riqueza que os contextos musicais diversos poden achegar, mesmo aqueles que poidan nun primeiro termo amosarse como alleos á nosa realidade.
Ademais do concerto, haberá unha pequena mostra expositiva itinerante, onde se poderán ver carteis relacionados cos álbums e cancións que forman parte do repertorio do concerto. Esta exposición estará situada en diferentes espazos comúns do conservatorio, comezando hoxe no vestíbulo do andar baixo.
A entrada ao concerto é libre ata completar a cabida do auditorio. Durante o concerto, seremos quen de escoitar algúns dos temas máis coñecidos da banda como “Come Together”, “Eleanor Rigby”, “All You Need Is love” ou “Let it Be”.