Let It Beat
O vindeiro martes 14 de maio ás 19:30 no auditorio do conservatorio está prevista a celebración de «Let It Beat: De Liverpool a Lugo», un concerto dedicado de maneira íntegra a música da banda The Beatles.
Este concerto é o resultado dun traballo colaborativo e interdisciplinar que, ao longo do curso, tentou involucrar a unha grande e diversa cantidade de alumnado e profesorado do centro a partir dunha proposta que pon en valor o que de proveitoso poden achegar contextos musicais que, as veces, poderían ser percibidos como alleos ao noso.
Ademais do concerto, organizouse unha pequena exposición itinerante con carteis sobre os álbums e cancións presentes no concerto e que se instalará en diferentes espazos comúns do centro. Dende hoxe estará xunto á entrada do andar baixo do edificio.
A entrada ao concerto é libre ata completar a cabida do auditorio e nel será posible escoitar temas senlleiros da banda como «Come Together», «Eleanor Rigby», «All you need is love» ou «Let it Be».