Charla sobre os estudos superiores e o seu acceso
O vindeiro luns 27 de abril ás 20:00 está prevista no auditorio do conservatorio unha charla informativa ao respecto das ensinanzas superiores de música, do seu acceso, itinerarios formativos, proxectos internacionais, etc.
Na charla, que terá o formato dunha mesa redonda, participarán a dirección do centro, Diego Segade Blanco, profesor de Viola e vicedirector do Conservatorio Superior de Música de A Coruña, o profesor pianista acompañante Miguel Ángel Fernández Vega, e Rebeca Roca Cruz, frautista e antiga alumna do conservatorio, quen compartirá tanto a súa experiencia como a súa orientación en canto a estes estudos.
Os aspectos académicos e organizativos dos últimos cursos das ensinanzas profesionais tamén serán tratados na charla. Os itinerarios formativos, as validacións que é posible facer no ensino secundario e o bacharelato, así como as modalidades deste.
A charla está destinada ao alumnado e as súas familias dos cursos terceiro a sexto do grao profesional. O de sexto pola súa proximidade aos estudos superiores, e o de quinto e cuarto, e mesmo terceiro, pola necesidade de achegarlles unha información oportuna sobre os seus estudos, e tamén porque o acceso ás ensinanzas superiores precisa dunha preparación extensa no tempo.
Esta actividade ten como obxectivo tanto achegar unha adecuada orientación ao alumnado e as súas familias no tocante aos seus estudos no conservatorio como poñer en valor as ensinanzas superiores de música como opción formativa.




