Charla ensinanzas superiores
O vindeiro martes 9 de abril ás 20:00 está prevista no auditorio do conservatorio unha charla informativa ao respecto das ensinanzas superiores de música, do seu acceso, itinerarios formativos, proxectos internacionais, etc.
A charla terá o formato dunha mesa redonda na que está previsto que participe a dirección do centro, o profesor pianista acompañante Miguel Ángel Fernández Vega, Nuria Campo Campo, asesora os tres últimos anos de Música e Artes Escénicas na nosa consellería, e antigo alumnado do conservatorio, agora estudantes das ensinanzas superiores de música, que compartirán tanto a súa experiencia como a súa orientación en canto a estes estudos.
Os aspectos académicos e organizativos dos últimos cursos das ensinanzas profesionais tamén serán tratados na charla. Os itinerarios formativos, as validacións que é posible facer no ensino secundario e o bacharelato, así como as modalidades deste.
A charla está destinada ao alumnado e as súas familias dos cursos terceiro a sexto do grao profesional. O de sexto pola súa proximidade aos estudos superiores, e o de quinto e cuarto, e mesmo terceiro, pola necesidade de achegarlles unha información oportuna sobre os seus estudos e tamén porque o acceso ás ensinanzas superiores precisa dunha preparación extensa no tempo.
Esta actividade ten como obxectivo tanto achegar unha adecuada orientación ao alumnado e as súas familias no tocante aos seus estudos no conservatorio como poñer en valor as ensinanzas superiores de música como opción formativa.