Alumnado das probas extraordinarias, matrícula 2026-2027
Dende hoxe luns 29 ata o vindeiro venres 3, este incluído, permanecerá aberto o prazo de matrícula correspondentes ao curso 2026-2027 para o alumnado procedente das probas extraordinarias celebradas a pasada semana.
A matrícula deberá formalizarse a través da plataforma CentrosNET, dende a páxina de inicio ou dende o menú Xestión, logo de acceder coas nosas credenciais.
O procedemento de formalización da matrícula consistirá en confirmar esta a través de CentrosNET, levar a cabo o pago da taxa, e achegar ao centro o xustificante do mesmo ao enderezo electrónico de administración, administracion.cmus.lugo@edu.xunta.gal . En canto ao pago da taxa, no caso de que a matrícula non sexa dun curso completo ou comporte materias pendentes, cumprirá consultar o importe concreto da taxa na administración do centro.
Cómpre lembrar que o alumnado que teña solicitado bolsa de estudos non deberá aboar a taxa de matrícula ate coñecer a resolución, favorable ou non, á concesión de dita bolsa.
Ao respecto do alumnado que formalice a matrícula no sexto curso do grao profesional, será preciso que escolla un itinerario e unha materia optativa cubrindo o formulario correspondente que se atopa no menú Común da plataforma CentrosNET.
Ao mesmo tempo, cómpre cubrir o formulario ao respecto dos horarios do vindeiro curso. É posible acceder ao mesmo a través desta ligazón e resulta indispensable para coñecer as circunstancias particulares do alumnado que poidan condicionar o seu horario no conservatorio. Cubrir este formulario é indispensable para que o centro coñeza e sexa quen de ter en conta calquera circunstancia das antes referidas. De non contar con esta información, adxudicarase o grupo ou o horario que o centro determine. Desta maneira, prégase tanto cubrir o formulario como facelo coa maior concreción posible.
A través desta ligazón é posible ver e descargar unha guía co calendario de matrícula e os seus diferentes prazos así como a información precisa para a súa formalización.





